Hoxe, en Milán, poñen unha placa conmemorativa ao crítico de cine, intelectual incansable e visionario, ademais de sensible e apaixonado animador cultural, Ezio Alberione.
Ezio foi o meu profesor de cinema nos anos da Universidade, ademais de subdirector da revista de crítica ‘Duel’ - logo ‘Duellanti’ - onde empecei a publicar os meus primeiros artigos. Pasoliniano por temperamento, sempre apoiando a diversidade e a diferencia, defendeu a miña tese sobre o cinema galego no ano 2003. Aínda recordo cando me chamou desde o Festival de Venecia, meses despois, pedíndome unha crítica sobre a película desde ‘o punto de vista dun galego’: “Conosci molto bene la Galizia, se ci piace la pubblichiamo”. Gustoulle tanto que empecei a colaborar asiduamente para a revista, sobre todo viaxando por festivais. [...] Foi nun festival, precisamente no Infinity Festival de Alba – na época dirixido magnificamente por Luciano Barisone e
@carlo.chatrian – cando recibín a chamada que me comunicou o seu falecemento.
Só aparece na ficha de IMDB e nos créditos do filme, pero ao igual Ezio foi produtor. Apoiou economicamente a miña primeira curtametraxe profesional gravada en Galicia, ‘Regreso a San Andrés’. Nunca chegou a vela.
Xa pasaron 20 anos do seu falecemento. Pero o que máis boto de menos non son tanto as súas recomendacións cinematográficas ou as correccións aos meus escritos, máis ben a súa capacidade de escoita. As risas, os chistes sobre nós mesmos – Ezio era unha persoa moi divertida – e esas reflexións, intelectuais e humanas á vez, que xurdían da nada e que che cambiaban por completo o punto de vista sobre a vida e o que te rodeaba.
Débolle moitísimo. Gustaríame moito poder estar alí, en Milán, hoxe. Desafortunadamente avisáronme demasiado tarde – de todo xeito grazas
@mccardini e
@lucabarnabe por facelo. A mellor forma de homenaxealo que teño é dedicarlle estas verbas noutro idioma, o galego. A el que fixo estudos sobre as influenzas dialectais na lingua de Dante, sobre o textos de De André. A el que tanto amaba a diversidade cultural e que tan ben coñecía o verdadeiro significado que está detrás de cada palabra.
#ezioalberione
/share/p/1CQdYZBG9U