🌺 Chega a Festa das Alfombras Florais do Corpus 2026
✔️ A vila de Bueu celebrará o 6 e o 7 de xuño a Festa das Alfombras Florais do Corpus de Bueu, organizada polo Concello de Bueu e na que os tradicionais tapices florais lucirán polas principais rúas do casco urbano.
✔️ Carmen García, concelleira de cultura, participou na rolda de prensa celebrada este luns, na que tamén estiveron presentes Xosé Leal, concelleiro de facenda, Marc Taeger, ilustrador e artista local autor do cartel desta edición, e alfombristas da Asociación Cunchas e Flores.
Tedes toda a info xa na nosa web (ligazón na BIO)
🎶 Onte celebramos as Letras Galegas en Sanamedio co XXV Festival das Letras que organizamos dende o Concello de Bueu.
Xuntámonos no Adro de Sanamedio e puidemos escoitar a música tradicional dos grupos da vila, como A Quinta Ferreña, AC Novos Ventos, Os Mulos, Retrouso de Cela, Cantadela de Meiro e Banda de Gaitas Os Liboreiros. Tivemos tamén xogos tradicionais e rematamos co concerto de Acordeireta.
📸 Aquí un resumo do que foi este día de compartir en familia e reivindicar as nosas tradicións e a nosa lingua.
🌳 O Concello de Bueu comezou este venres coa aplicación dun tratamento para salvar o piñeiro americano de Massó, unha medida que se adopta ante o mal estado da árbore afectada por un patóxeno. Os traballos estaos levando a cabo a empresa de xardinería local Mundo Verde a petición do Concello e seguindo as indicacións do informe encargado á Estación Fitopatolóxico do Areeiro.
🙏 Félix Juncal, alcalde da vila, visitou o venres os traballos xunto aos edís Xosé Leal e Carmen García. O rexedor apunta que “agardamos que este tratamento sirva para salvar o piñeiro e impedir a súa tala”.
✔️ O piñeiro de Massó sitúase na rúa Montero Ríos, xusto antes da entrada ao peirao, e ten máis de setenta anos de vida. O informe da Estación Fitopatolóxica detectou que este exemplar de pinus radiata (piñeiro americano) está afectado polo patóxeno Phytophthora pseudocryptogea, que provoca a podremia das raíces absorbentes e da base do tronco. Por iso se encargaron estes traballos a Mundo Verde, que incluíron a retirada e poda sanitaria de todas as ramas secas e danadas, que supoñían un perigo ante o risco de caída; o tratamento dos tocóns e que culminará coa aplicación dunha pasta cicatrizante sobre os cortes. É case unha labor cirúrxica para salvar este piñeiro con tanta historia para a vila de Bueu.
📚 Con motivo das Letras Galegas, a Biblioteca Municipal Torrente Ballester de Bueu acolle diversas actividades.
👌 Onte recibimos a visita do club de lectura terapéutica da Asociación Juan XXIII de Cangas que puideron coñecer a exposición sobre Begoña Caamaño . As persoas participantes profundizaron na figura da autora por medio de varias actividades que combinaron lectura, música e xogos.
💫 E durante toda a semana houbo citas a cegas co libro galego, na que estades aínda a tempo de participar ata o luns. Trátase de coller un sobre sorpresa no que se agocha unha obra escrita na nosa lingua. Animádesvos?
🌊 O alumnado do Club de ciencia do IES Johan Carballeira comezou co pintado das alcantarillas polo casco urbano no marco do proxecto de concienciación medioambiental "O mar empeza aquí".
👌 Este mércores estiveron na zona próxima á Casa Consistorial, e acompañáronos o alcalde, a tenente de alcalde e a concelleira de cultura e mocidade, pois o Concello de Bueu colabora co proxecto a través do material.
👏 O obxectivo desta campaña tan visual é reducir o impacto da contaminación por residuos no mar, tanto o ambiental como o social e económico (praias sucias, perdas de capturas). E iso pretenden conseguilo visualizando o problema de contaminación cotiá para sensibilizar á sociedade no seu día a día, a través dunha intervención artística en sumidoiros, con sinais e placas que levan por lema, precisamente “O mar empeza aquí”.
Xa están algúns destes distintivos polas rúas da vila, xa os vistes?
🤼♀️ O Pavillón Municipal Pablo Herbello de Bueu acolle o próximo sábado, 16 de maio, o Campionato Escolar Provincial de Combate. Precisamente, este mércores tivo lugar a rolda de prensa, na que participaron Félix Juncal, alcalde da vila, Blanca Señorals, Directora Territorial do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Esperanza Meilán, da Federación Galega de Combate, e Belén Asensio, directora e adestradora do Club Taekwondo Siu.
👌 O pavillón bueués será o escenario no que se disputarán as probas o sábado en horario de 9 a 14 horas. Segundo explicou Belén Asensio, prevese a participación de máis de trescentos nenos e nenas da provincia de Pontevedra con idades comprendidas entre os 8 e os 14 anos. Precisamente, os catro primeiros de cada categoría clasificaranse para o campionato galego que se celebrará en Boiro a finais de mes.
Toda a info tédela na nosa web (ligazón na BIO)
🌳 Bando da alcaldía sobre as obrigas de xestión de biomasa
O alcalde de Bueu ditou un Bando sobre as obrigas de xestión de biomasa, na que se explican as obrigas das persoas propietarias de manter limpos os seus terreos para evitar o risco de incendios forestais.
Tedes máis info nas imaxes e o bando completo, coma sempre, na nosa páxina web (ligazón na BIO)
🗣️🎶 O Concello de Bueu celebra o 17 de maio a XXV Romaría das Letras Galegas no lugar de Sanamedio, unha proposta que centra a programación desta data e que se complementará con outras actividades variadas.
Este luns tivo lugar no Concello a rolda de prensa de presentación da programación, na que estiveron Carmen García, concelleira de cultura, mocidade, infancia e normalización lingüística, e representantes de colectivos colaboradores.
Toda a info na web (ligazón na BIO)
🖼️ A Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa acolle ata o 16 de maio a exposición "Do mar á acuarela" de Macu Tovar, que se poderá ver das 10 ás 12 e das 18 ás 20.30 horas.
É unha mostra na que atopamos moitos elementos do noso Bueu mariñeiro dende unha ollada orixinal e persoal.
💫👌 A Praza Massó de Bueu converteuse este sábado de solidariedade, cultura e moito talento da man do V Festival Talent For Change, organizado polo IES Johan Carballeira e o Concello de Bueu e no que participou a comunidade educativa da vila e varias asociacións e colectivos.
A carpa acolleu un monte de actividades e propostas do alumnado dos diversos centros educativos e tamén houbo venda de produtos elaborados para a ocasión co fin de recadar fondos para as asociacións Ruído de Fondo e Inventiva
Unha forma de poñer en valor o talento e de reivindicar o que podemos facer para acadar unha sociedade mellor!
🙏 Parabéns e grazas a toda a comunidade educativa polo seu compromiso e esforzo.
🏆 Seguimos a celebrar éxitos deportivos! Neste caso... de deportistas da bicicleta 🚴🚴
Hai uns días celebrouse en Moaña o Campionato Galego de Endurrazo, no que varios bueueses e bueuesas obtiveron bos resultados deportivos tanto na categoría de bicicletas eléctricas como de Enduro, e dende o Concello de Bueu queremos darlles os parabéns.
Así, no Campionato Galego de Enduro Ebike iberoebike, Daniel Fernandez Leal proclamouse campion galego en categoría cadete.
Pola súa banda, no Campionato Galego de Enduro constan as seguintes clasificacións:
▪️ Tamara Santos Fernández, campioa na categoría Máster 40
▪️ Roque Docampo Valencia, campión na categoría Infantil
▪️ Kike Cerqueiro Tenorio, campión na categoría Cadete
▪️ Mario Barreiro Gonzales, campión na categoría Junior
▪️ Antón Ríos Entenza, segundo posto na categoría Cadete
▪️ Hugo Fernández Riobó, terceiro posto na categoría Máster 40
Parabéns e a seguir colleitando galardóns!
🔈 Ante a nova ubicación das casetas de venda de billetes dos barcos de pasaxes á Illa de Ons, desde o Concello de Bueu amosamos a nosa desconformidade pola elección do lugar, e por iso xa a comezos desta semana enviamos un escrito a Portos de Galicia, que é o organismo competente, co fin de que reconsidere esta decisión.
Estas son as razóns que expuxemos:
✔️ En primeiro lugar, esta nova ubicación prexudica a visibilidade e protección dun ben artístico que é o monumento do escultor cambadés de moito renome, Manolo Paz, e dedicado ao alcalde Johan Carballeira. Precisamente esta escultura, colocada en 1999, naceu co propósito de difundir a memoria e o legado de Johan Carballeira. O monumento é un atractivo cultural de Bueu, que con este cambio perde visibilidade e accesibilidade.
✔️ Esta situación tamén repercute na visibilidade da fronte marítima e prexudica á mobilidade da zona, no acceso á praia da Banda do Río e onde no verán se acumula xente tanto polo acceso ao propio areal como ao atoparse no inicio do paseo da fronte marítima. A esta situación engadirase agora a acumulación dun maior número de persoas polas casetas, o que repercute negativamente no tránsito da zona. Consideramos que isto afecta ás persoas que acceden tanto en vehículo como ao tránsito peonil, supoñendo unha diminución da seguridade.
✔️ Por outra banda, a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP) do Porto de Bueu establece que a zona a onde se moveron as casetas é considerada de integración porto-cidade. Precisamente, a propia DEUP marca xa unha zona de uso comercial tráfico de pasaxeiros, onde estaban anteriormente situadas as casetas e polo tanto, a zona reservada para tal fin dentro dos usos do espazo portuario.